xoves, 22 de xaneiro de 2015

ROSALÍA NUN CONCERTO DO CORO DA BBC EN LONDRES

O coro da radio pública británica interpretou na igrexa de Saint Paul en Knightsbridge unha obra do compositor Daniel Saleeb, cuxa letra incorpora os versos do poema “As de cantar”, de ‘Cantares gallegos’.

venres, 16 de xaneiro de 2015

PRESENZA GALEGA


As quince nominacións que acumula El niño, producida pola empresa galega Vaca Films supoñen o groso da presenza do noso audiovisual nos Premios Goya. A Academia da Artes e das Ciencias Cinematográficas de España daba a coñecer a lista de finalistas para se facer con estes galardóns que se entregarán o vindeiro 7 de febreiro. 
O filme Daniel Monzón tamén achega as nominacións galegas de Nerea Barros a Actriz Revelación e de Raquel Fidalgo na categoría de maquillaxe e perruquería. Pola súa banda, Javier Gutiérrez optará ao premio ao mellor actor protagonista por La Isla Mínima, mentres A Esmorga compite polo mellor guión adaptado e Sangre de Unicornio, de Alberto Vázquez na categoría de mellor curta de animación. Tamén La tropa de trapo en la selva del arcoiris opta ao premio como mellor longametraxe de animación.

luns, 12 de xaneiro de 2015

OBRADOIRO EN PONTEVEDRA


A Concellaría de Cultura en colaboración coa Asociación de escritores en lingua galega organizan dende este sábado, 17 de xaneiro, un Obradoiro de creación literaria para todas aquelas persoas interesadas en coller soltura e poder enfrontarse aos textos.

A inscrición é de balde e os interesados poderán facelo até o día anterior do inicio do obradoiro. 
inscricions@pontevedra.eu