luns, 7 de novembro de 2016

ROTEIRO CASTELAO

O vindeiro xoves 1 de decembro ás 17:30 quedaremos na praza da Ferraría para realizar o roteiro Castelao cun guía do Concello de Pontevedra.


E para que a camiñata se faga máis levadeira o Equipo de Dinamización Lingüística da EOI de Pontevedra convídate a unhas castañas asadas.

Non esperes máis e apúntate na conserxería da Escola.


O itinerario deste roteiro abrangue non só parte da zona vella pontevedresa senón tamén algunhas das rúas que configuraban a vila de principios do século XX. Esta actividade é ademais un percorrido pola etapa vital do autor rianxeiro na que estivo intimamente vinculado coa cidade. O itinerario inclúe as visitas á Sala Castelao do Museo de Pontevedra e ao interior do edificio modernista do antigo Café Moderno.

O percorrido é o seguinte: comezo na praza da Ferraría, rúa da Pasantería, rúa Sarmiento, rúa de don Gonzalo, praza de Curros Enríquez, rúa de Manuel Quiroga, rúa da Princesa, praza das Cinco Rúas, rúa de Paio Gómez Chariño, rúa de Dona Tareixa, praza de España, avenida de Montero Ríos, xardíns de Colón, rúa da Oliva e praza da Ferraría.

CITAS ARREDOR DA LINGUA PARA NOVEMBRO


Do 7 ao 11 de novembro: conferencias micolóxicas de Pontevedra, da asociación Brincabois.
Ás 20.30 horas, no Casino Mercantil, praza de Curros Enríquez.
No cartel adxunto pódense ver o resto de actividades micolóxicas que Brincabois desenvolve durante o outono.


Martes, 8 de novembro ás 20 h na Casa das Campás:
Conferencia de Montse Fajardo: “A represión sobre as mulleres despois do golpe de Estado do 36”
Presenta: Ana Acuña. Esta conferencia insírese na programación de Novembro, Mes da Memoria Histórica en Pontevedra que, entre outras actividades, tamén abrangue:


A exposición ‘Do gris ao violeta’ continúa a súa andaina polo concello de Pontevedra e
- dende o luns 7 ata o día 21 de novembro poderá visitarse na Facultade de Ciencias da Educación. A mostra completarase cunha conferencia sobre a represión que sufriron as mulleres, que terá lugar o 28 de novembro ás 19.00 horas.
- Entre o martes 22 e o venres 2 de decembro a exposición estará na Casa Verde de Salcedo, onde tamén haberá un ‘Encontro coa memoria’ no que se falará sobre mulleres represaliadas, resistentes e solidarias desta parroquia. Será o martes 29 de novembro ás 20.00 horas.
- Entre o sábado 3 e o venres 16 de decembro o Centro Social Sur acollerá esta mostra.


- Sábado 12 e o domingo 20 de novembro
Meu Pontevedra. Castelao en Salcedo
Un percorrido de 4 km polo patrimonio de Salcedo lembrado por Castelao no seu escrito Meu PontevedraSerá un paseo guiado polo antropólogo Rafa Quintía e teatralizado coa colaboración do grupo de teatro Escuadra17.
As andainas terán lugar o sábado 12 e o domingo 20 de novembro de 2016. A saída será ás 10.30 horas dende a praza de Galicia en Pontevedra. A visita é libre, gratuíta e sen preinscrición.
Enviamos o convite en pdf de Citania, a asociación veciñal Salcedo Norte e a Deputación de PontevedraMáis información: http://www.facebook.com/events/1705320256461476/


Xa están á venda as entradas para LGx15. Ideas para o futuro da lingua.
Hai descontos para grupos de alumnado de ensino secundario
O vindeiro 24 de novembro terá lugar unha nova edición de LGx15. Ideas para o futuro da lingua, evento que organiza a CTNL para compilar e difundir experiencias, opinións e propostas para influír positivamente no futuro do noso idioma. Desta vez haberá oito presentacións que transmitirán de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para incidir nas actitudes e na conciencia lingüística. Haberá ademais humor e música, é dicir, consistirá nun evento pensado para o entusiasmo, a diversión, a reflexión e o futuro do galego.

En LGx15 intervirán Alberte Lamazares (labrego, que propón tratar un dos principais usos da lingua: falar), Belén Regueira (comunicadora, convertida ese día en conselleira para neofalantes), Elena Ferro (zoqueira, quen falará sobre a necesidade de defender o noso), Diana Fernández e David Díaz (responsables do blog Bolboretas no bandullo, que mesturarán ingredientes culinarios e lingüísticos), Marcus Fernández (webmáster de Código Cero, que falará das TIC en galego), María Yáñez (costureira de Internet, que demostrará que hai vida despois do Xabarín coa primavera millenial), Mark Wiersma (músico, viaxará até o ano 2050 coa lingua e o son) e Rosalía Fernández Rial (profesora e poeta, que aclarará como a nosa lingua é latente de todas as demais). E haberá tamén nesta nova edición música en directo, humor e improvisación, coa actuación do grupoPoetarras e os regueifeiros Josiño da Teixeira e Luís o Caruncho como condutores do acto.

LGx15, Ideas para o futuro da lingua terá lugar o xoves 24 de novembro, ás 18.00 h, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. As entradas para o evento xa están á venda ao prezo de 6 euros (na rede en www.salacapitol.com, e fisicamente nos próximos días na Tenda A Reixa, agora situada no número 46 da compostelá rúa do Hórreo). O día do evento custarán 10 € na billeteira.
Se es profe de ESO ou bacharelato, consulta as condicións especiais para grupos: http://www.ctnl.gal/web/notic.php?ide=1267&desc=volve_lgx15._ideas_para_o_futuro_da_lingua!&show=1&comentario=true 

A primeira edición do LGx15 tivo lugar en novembro do pasado ano, e nela participaran Luís Iglesia, Xurxo Mariño, Lara Tigre, Manuel N. Singala, Carmen Grimaldi e Xosé Lois Vilar, ademais das actuacións de AldaoLado, Alba María e Xenderal. Desde esta ligazón accédese aos vídeos do ano pasado, pois unha parte fundamental deste proxecto é tamén a difusión desas ideas a través da rede.
Organiza: 
CTNL