xoves, 22 de febreiro de 2024

PONTEVEDRA EN FEMININO: ROTEIRO GUIADO

Co gallo do Día Internacional da Muller, estamos organizando un roteiro guiado para aprender máis sobre as vidas de mulleres ilustres que lle dan nome a algunhas das rúas da nosa vila. Será o venres, 8 de marzo ás 11:30. Reserva a túa praza!

venres, 16 de febreiro de 2024

NOVAS DO EDLG: CONTOS DA ILLA DE MAN, YOUTUBEIRAS, DÍA DE ROSALÍA E MÁIS

O pasado xoves tivemos a sorte de asistir á charla de Milagros Torrado sobre o folclore da Illa de Man e aprendemos da semellanza con elementos do nosos folclore coma o Urco, a Santa Compaña, o mal de ollo, etc. Dúas alumnas afortunadas tiveron a sorte de gañar unha copia do libro. Aquí podedes ver a nosa alumna Charo  con Milagros.



LGx15: por outra banda, xa están dispoñibles en Youtube os vídeos da pasada edición do LGx15. Podédelos ver aquí. Entre os convidados estaba Paco Veiga, que nos visitou en novembro, e Kiko da Silva, que nos visitará máis adiante.

Charla-concerto: como plan de última hora, es se che interesa a música, podes asistir á seguinte charla-concerto sobre as gaitas de fol no Museo de Pontevedra ás 19:00. 

Gala Youtubeiras: Será mañá sábado 17 ás 20h no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A asistencia é de balde, mais cómpre recoller os convites previamente: ou ben na Zona C (Rúa Preguntoiro, 1, xusto na entrada á praza de Cervantes) no seu horario habitual (desde o martes 13 de febreiro até o sábado 17, de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h) ou ben unha hora antes do comezo da gala no despacho de billetes do Teatro Principal de Compostela.

Un total de 18 finalistas (de entre as 68 canles que se inscribiron para concorrer á edición de 2023) aspiran a gañar nas oito categorías nas que se dividen os galardóns nunha gala que estará conducida por Nuria Vil e Gabri Fuentes e que contará coa actuación musical de Mondra. 


Día de Rosalía: Desde o Concello de Pontevedra e en colaboración coa AELG convídannos a celebrar o Día de Rosalía de Castro. Este convite está aberto a calquera membro da comunidade educativa que desexe asistir.
O 23 de febreiro, ás 20 horas no centro social do Gorgullón haberá unha lectura pública dos textos de Rosalía que deron pé á restitución social do idioma galego. O acto estará conducido pola poeta Míriam Ferradáns, que tamén lerá o manifesto do Día de Rosalía creado desde AELG para este ano. A ambientación escenográfica será a cargo d'O fruto e a serpe.
 
Se ademais de asistir queredes ler un texto de Cantares gallegos ou de Follas novas, envíanos un correo electrónico a edlg@eoipontevedra.org coa seguinte información non máis tarde do luns, 19 de febreiro:

- nome e apelidos (no caso de menores, tamén a idade)

- teléfono de contacto 

- texto que che gustaría ler


venres, 2 de febreiro de 2024

CONTOS DA ILLA DE MAN

O vindeiro xoves visitaranos Milagros Torrado, docente universitaria e tradutora ao galego de Contos da Illa de Man. Será unha oportunidade fantástica para explorar a interculturalidade. Aprenderemos máis sobre a Illa de Man e sobre a nosa propia cultura. Vémonos no salón de actos! Sortearemos un par de exemplares entre os asistentes.


RECORDANDO O MAGOSTO

 O 14 de Novembro visitou a Escola a Asociación Galega do Xogo Tradicional e Popular. Pasamos unha tarde moi agradable aprendendo sobre o xogo tradicional e comendo castañas ben quentiñas. Aquí van algunhas fotos e vídeos para o recordo.





xoves, 21 de decembro de 2023

BANDA DESEÑADA EN GALEGO E IDEAS PARA AGASALLOS

Compartímosvos este ano unhas suxestións de lecturas de banda deseñada en galego, xa que é o xénero que inspira o lema das Bibliotecas Escolares este ano.

Se aínda andades á procura de agasallos en galego, non perdades de vista o catálogo de Nadal publicado por A Mesa pola Normalización Lingüística.                                                                          Animámoste a consultar a programación de Nadal 2023 organizada polo Concello de Pontevedra. Hai actividades para todos os gustos!                                                                                                          Se buscas algo para os máis pequenos da casa, o museo de Pontevedra propón un ciclo de cinema que inclúe algunhas das longametraxes de animación máis destacadas da historia de do cinema actual galego.                                                                                                                                                      Boas festas! Contamos convosco no 2024 para seguir dinamizando e apostando por vivir en galego.

VAI DE POST-CROSSING?

Que andará argallando o EDLG? Para quen serán estas postais?

Descubrímolo á volta das vacacións.



xoves, 23 de novembro de 2023

VAI DE MULLERES

Esta tarde terá lugar a conversa As mulleres na historia, organizada pola Universidade de Vigo, coa participación da historiadora María Fidalgo e da escritora de novela histórica Almudena de Arteaga. A entrada libre ata completar a capacidade da sala. Máis información na seguinte ligazón.


Por outra banda, A Memoria das Mulleres, un proxecto promovido polo Concello de Pontevedra, invítanos a xogar para aprender máis sobre as mulleres que desafiaron os canons e fixeron das súas vidas actos de Rebeldía, Resistencia ou Reivindicación. Atópalo na seguinte ligazón. Preme no "R" para comezar.