domingo, 30 de xaneiro de 2022

30 DE XANEIRO: DÍA DA ILUSTRACIÓN

Sabías que hoxe se festexa o Día da Ilustración

Esta efeméride vénse celebrando cada ano neste día, que coincide co do nacemento de Castelao. Nesta data reivindícase o papel dos profesionais do mundo da ilustración homenaxeando a un ilustrador ou ilustradora histórico galego. Este ano o protagonista é Reimundo Patiño, pintor, gravador e autor de banda deseñada. A encargada de deseñar o cartel para dita celebración foi a ilustradora Paula Mayor:

As bibliotecas galegas teñen artelladas actividades e eventos para o público. Así, a Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra, ademais dunha mostra sobre o libro ilustrado, que se poderá visitar ata mediados de febreiro, e tamén ofertará un obradoiro de deseño gráfico. Se che interesa participar, non deixes de consultar a súa axenda de actividades, onde poderás atopar máis información.

Na EOI de Pontevedra tamén queremos poñer ao teu dispor o mellor da banda deseñada  nas diferentes linguas. Se vas ao noso catálogo de fondos e buscas polo tema 'banda deseñada', darás cunha boa cantidade de obras. Se queres ser máis específico e buscar resultados en galego, darás coas seguintes obras, entre outras: A Viñeta de Schrödinger, A Torre dos Mouros, No Nome da Amada Morta, A Sombra Asasina, A Deusa dos Ollos de Xade, Asterix: A Volta á Galia e, como non, o grande clásico: NÓS, de Castelao. 
          









Ningún comentario:

Publicar un comentario